Sunday 28 de April de 2024

Verónica Gómez presenta a súa renuncia como concelleira socialista no Concello de Ordes


Non quere “ser partícipe dunha forma de facer política na que todo vale con tal de desacreditar á oposición, tal e como se leva vendo nos últimos meses” e lembra que “eu vin presentar iniciativas e propostas para mellorar a situación deste pobo e dos seus veciños e veciñas”

Asegura que a actitude do alcalde no pleno de onte “foi a gota que colmou o vaso” e “ante acusacións intolerables e inadmisibles, renuncio para demostrar aos veciños e veciñas que non vin á política a facer caixa”

Ordes, 2 de marzo de 2017.- A concelleira e voceira municipal socialista en Ordes, Verónica Gómez, presentou esta mañá a súa renuncia ao cargo de concelleira por motivos persoais que lle impiden atender as obrigas propias do cargo coa dedicación que tal responsabilidade conleva. Unha renuncia comunicada de acordo ao disposto na lexislación vixente para que se proceda ao seu relevo mediante os candidatos seguintes da lista do PSOE de Ordes.

Verónica Gómez explica que a renuncia “é unha decisión que veño meditando e tratando cos meus compañeiros dende hai tempo xa que compaxinar a miña vida laboral cos compromisos e obrigas propias que require ser concelleira e voceira municipal, coa dedicación que tal responsabilidade conleva e merece, estábame resultando cada vez máis complicado”. Porén, Gómez sinala que “o pleno celebrado onte por esta Corporación Municipal, na que o señor alcalde empregou expresións como ou para referirse a un grupo de concelleiros e concelleiras entre os que se me incluía foi a gota que colmou o vaso”.

Acusacións intolerables e inadmisibles

Verónica Gómez considera que “tal e como manifestei no propio pleno, non son formas de dirixirse á oposición. Polo tanto, ante unhas acusacións intolerables e inadmisibles, presento xa a miña renuncia para demostrarlles aos veciños e veciñas de Ordes que eu non vin á política a facer caixa”. Gómez asegura que “non quero ser partícipe dunha forma de facer política, na que todo vale con tal de desacreditar a un concelleiro/a da oposición, tal como se leva vendo nos últimos meses”.

Neste sentido, lembra que “eu vin a traballar polos veciños e veciñas e por Ordes, a presentar iniciativas e propostas para mellorar a situación deste pobo en xeral e dos seus veciños e veciñas. Por iso, durante estes case dous anos que estiven de concelleira traballei arreo presentando en cada pleno numerosas propostas encamiñadas a mellorar Ordes e a vida de todos os ordenses”.

Orgullo e agradecementos

Verónica Gómez sinala que “foi un gran orgullo ter a oportunidade de construír, colaborar e, en definitiva, participar e aportar ideas para facer de Ordes un pobo mellor para todos os veciños e veciñas”. Ademais, amósase convencida de que “o compañeiro que me releve vai a facer un grandísimo labor, diso non me cabe ningunha dúbida” e adianta que “ese compañeiro tera todo o meu apoio e continuarei aportando o meu gran de area en todo aquilo que poda, sempre que a finalidade sexa mellorar o pobo ou a vida dos veciños e veciñas”.

Por último, Verónica Gómez agradece “o apoio e o cariño dos meus compañeiros e compañeiras socialistas e, moi especialmente, quero dar as grazas ao Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, por todo o seu apoio e axuda ao longo deste tempo”.